jueves, 10 de junio de 2010

NUTRICIÓN INFANTIL - NENOS/AS GALEGOS/AS

Bollería industrial e chucherías alteran
a dieta dos nenos galegos.

Sete de cada dez menores abusan
do seu consumo en detrimento de a
merenda tradicional, máis sa.


A bollería industrial, as chucherías e as bebidas azucaradas ábrense oco na dieta dos nenos galegos e van desprazando á merenda tradicional, a do bocadillo, o leite e a peza de froita, moito máis sa.

O 70% dos nenos galegos abusan das chucherías e a bollería industrial ao consumilas regularmente durante a semana.
No grupo de 3 a 6 anos esa cifra aumenta ao 74%, mentres o 72% dos adolescentes de 12 a 14 anos consomen a diario as denominadas bebidas brandas (non alcohólicas, ricas en azucre).

Estes alimentos, aos que, segundo os expertos, está a darse prioridade na merenda dos nenos, son rápidos de consumir, moi enerxéticos, ricos en azucres simples e graxas (especialmente saturadas e hidrogenadas ou trans) e pobres en nutrientes e compoñentes funcionais.
Xa que logo, considéranse alimentos non saciantes e con baixa capacidade para suprimir a fame, polo que se inxere máis cantidade e tense apetito antes. Estes datos corresponden ao estudo Thao Santiago de Compostela 2009-2010 , enmarcado no proxecto Galinut e realizado pola Unidade de Investigación en Nutrición e Desenvolvemento Humano de Galicia, do departamento de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago.
O traballo está dirixido polos profesores Rafael Tojo e Rosaura Leis.

Un e outro inciden na importancia de recuperar a merenda tradicional, «composta basicamente -explica Rosaura Leis- por unha peza de froita e un produto lácteo, que poden acompañarse ademais por un anaco de pan ou un bocadillo, sempre que o que se poña dentro sexa, por exemplo, fiambre magro, non graso.
Esta merenda -prosegue- é unha boa estratexia para previr o sobrepeso e a obesidade e asegurar o cumprimento das recomendacións nutricionais en canto ao achegue de enerxía, macronutrientes e micronutrientes dos nosos nenos e adolescentes».

Pero cos novos produtos, a merenda da tarde supón un 19% das calorías totais da dieta e achega ao redor do 20% da graxa total inxerida durante o día, e o 21% da saturada.
No Thao Santiago 2010 ponse de relevo que o 66% dos nenos de 3 a 6 anos non levan nunca ou case nunca froita ao colexio para a súa merenda, cifra que ascende a máis do 70% entre os de 10 e 12 anos, a pesar de que a froita «debe ser un dos alimentos prioritarios nas merendas e pequenas colacións dos nenos», sostén o estudo.

Problemas no almorzo-

Os expertos recomendan que os menores fagan un almorzo forte e unha pequena merenda a media mañá.
Pero, segundo Rosaura Leis, «o 25% dos nenos galegos almorzan mal, con poucos nutrientes, e un de cada dez chega ao colexio en xaxún ou abstinencia».

Ademais, seis de cada dez escolares galegos non toman nada a media mañá, «e se o fan -continúa a pediatra-, é a base de bollería industrial, rica en azucres simples, graxas saturadas e trans, prohibidos ata nalgúns países».

La Voz de Galicia.-

No hay comentarios: