jueves, 14 de julio de 2011

REESTRUTURACIÓN BALONCESTO.-

A Federación Autonómica de basquet

reestrutura todas as súas competicións .

Xoves, 14 de Xullo de 2011.-

redacción > ferrol


A tempada 2011/12 arrincou para o baloncesto galego fai un par de semanas coa celebración da asemblea xeral ordinaria da Fegaba
 Unha reunión na que se fixaron as directrices do que será o próximo exercicio, no que o órgano reitor do baloncesto autonómico acometerá, segundo aprobaron os seus asambleistas, unha profunda remodelación das competicións que del dependen, desde categoría senior a infantil.



Co obxectivo de dar máis cohesión ao conxunto de campionatos que dela dependen, acábase coa diferenza entre competicións autonómicas e zonais para establecer unha única liga galega con varias categorías en cada grupo de idade. A nivel senior, iso traduciríase na existencia de ata catro categorías. A primeira corresponderíase coa antiga Primeira Nacional, na que, no caso de Ferrolterra, militaría o Tuimil Electricidade. A continuación, a Segunda, englobaría aos equipos adscritos á Liga FGB e é nela na que partirían tanto Emparesa Narón como o recentemente ascendido Ferorsa Recimil.

Ata este momento, as diferenzas non van moito máis alá da nomenclatura, pero é a partir de aí onde aparecen as modificacións máis significativas. Así, existirá unha Terceira División con sesenta equipos de toda Galicia, procedentes das actuais ligas zonais que se dividirían en seis cadros con dez formacións cada un agrupados segundo criterios de proximidade xeográfica.
Estas escuadras disputarían unha liga regular a dobre volta e despois sendas fases de ascenso e descenso.
E é que, aínda que non é o caso da delegación ferrolá, na que actualmente só existe unha competición senior, noutras zonas o gran número de equipos inscritos obrigan a establecer máis dunha categoría. Cos equipos pertencentes a estes torneos "secundarios" establecerase unha Cuarta División. Os clubs de Ferrolterra, segundo as súas aspiracións, situaríanse nunha ou outra categoría, en ambos os casos con escuadras da Coruña.

No caso da competición senior feminina, os torneos redúcense a tres pero cunhas características similares: Primeira (a actual Primeira División), Segunda (a ata agora liga FGB) e Terceira -os campionatos impersonales-.
No que aos locais refírese, só o Universitario, cunha escuadra no que será a Segunda División, veríase afectado.

Base .-

 Seguindo un esquema similar vertébranse as competicións de base que contarán, en cada grupo de idade, con dúas categorías. A Primeira, composta por doce equipos no caso do cadro masculino e con dez no do feminino; e a Segunda, co resto de escuadras que non teñan praza na anterior. Tamén aquí distribuiranse segundo criterios xeográficos, en grupos que non teñan máis de doce ou catorce equipos e un mínimo de dez.

As formacións que terán acceso á categoría principal son, no caso dos mozos, os dez conxuntos que militasen o pasado ano en liga galega máis dúas escuadras seleccionadas segundo un baremo establecido para tal fin pola Comisión de Actividades da Fegaba. Para as mozas, seleccionaranse ás oito mellores escuadras do último exercicio regular que se completarán por outras dúas designadas polo ente federativo.

A primeira implicación para o baloncesto ferrolán é que o Mercedarias, que pechou os campionatos junior e cadete, perdería automaticamente a súa praza. Pero é que, ademais, a competición convértese nunha liga totalmente pechada, e é aí onde esperta máis reticencia, pois pode provocar que non sempre compitan os mellores pois algúns equipos poden perder nenos dun ano para outro (porque cambien de categoría pola súa idade).
O sistema de competición previo non garantía a ninguén a presenza na competición autonómica dunha campaña para outra. Os equipos que con anterioridade militaran na categoría debían defender a súa praza no torneo de apertura, previo á liga galega; mentres que desde a zonal podían acceder algunhas escuadras máis se superaban unha fase de clasificación, primeiro, e un cruzamento de promoción despois.

Nin que dicir ten que a Segunda División aumentará os gastos de desprazamento para aqueles equipos en cuxas delegacións zonais non haxa escuadras suficientes para conformar un grupo. Isto xa sucedía na actualidade e escuadras como Universitario, Pontumio e Mercedarias disputaban a liga infantil feminina con formacións da Coruña, do mesmo xeito que o Ximnasio Bitácora ou o Emparesa Narón na junior masculina. Pero outras competicións saían adiante no marco local con só sete clubs.

Aínda que os clubs locais non se pon de acordo en se os seus orzamentos resentiranse excesivamente (a opinión dalgúns aparece no cadro inferior), no que todos coinciden é en que, como contrapartida se dotará a todos os equipos de torneos, a priori, máis potentes, regulares e prolongados.

Outra das novidades derivadas das novas bases de competición é a instauración da Copa Galicia como un torneo destinado unicamente aos equipos que disputan a Primeira División (iso levantou algunhas críticas).
A competición, e aí radica a súa principal novidade, terá lugar, como sucede a nivel senior, antes de que arranque a liga, o que obrigará aos equipos a comezar a traballar a finais de agosto e chegar máis rodados ao campionato regular exercendo o torneo copeiro como un inmellorable banco de probas máis aló dunha simple pretemporada..
 
Diario de Ferrol.-
Foto Escola
 

No hay comentarios: