miércoles, 27 de mayo de 2009

GALICIA LIDER DE OBESIDADE INFANTIL.-

Galicia lidera os datos de obesidade

infantil en España.


Ademais, é a terceira comunidade en

adultos afectados pola mesma enfermidade.

Psicomotricidade Bebés na Escola Deportiva
INFERNIÑO.-


Galicia lidera os datos de toda España na proporción de nenos obesos -case o 30%- e é a terceira comunidade en adultos afectados pola mesma enfermidade -23% fronte ao 14,5 de España-, segundo estudos explicados a Efe polos directivos da Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas (AGDN).

A presidenta da asociación, constituída en novembro do 2008, María González, explicou a Efe que a realidade galega ao redor da obesidade ten a mesma explicación que noutros lugares, é dicir nos nenos dáse cada vez máis un lecer sedentario e comidas rápidas, mal elaboradas ou compradas.

A falta de información adecuada, segundo dixo, fai que os cidadáns crean que o pan e as patacas engordan «e esa afirmación non é certa, xa que como calquera outro alimento, engordan se se comen en exceso», e nese sentido avogou por fomentar nos nenos «máis bocadillos e menos darlle un euro para que se compren algún doce de bollería industrial».

González, de 26 anos, e o vicepresidente da AGDN José Antonio López, de 28, traballan, respectivamente, na Sanidade Pública e na privada, aínda que dixeron que entre os retos da Asociación está reclamar o papel que corresponde aos diplomados en Dietética e Nutrición, como eles, tanto na Sanidade Pública como en programas das administracións públicas como «concello saudable».

Ambos se formaron fóra de Galicia xa que aquí a única titulación sanitaria de dietética, é o módulo de Formación Profesional que forma a Técnicos Superiores en Dietética, «que están copando algúns empregos, cuxas competencias corresponden, en realidade, aos diplomados universitarios, como son elaborar e avaliar dietas», agregou.

A asociación recentemente creada ten 40 socios, forma parte da Asociación Española de Dietética e Nutrición e entre os seus obxectivos, inmediatos, está promocionar as funcións dos nutricionistas, «para que queden claras a toda a sociedade e á administración», dixo, e crear, canto antes, o Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas, xa existente noutras 5 comunidades autónomas.

Neste sentido, Galicia leva máis de 10 anos de atraso respecto de Cataluña ou Navarra «e os datos de obesidade de Galicia son mostra dalgúns ámbitos, nos que somos necesarios, como divulgar bos hábitos alimentarios, fomentar a actividade física e dar información veraz e con criterio», agregou López.

Pola súa banda a presidenta, natural de Ourense aínda que traballa no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, sinalou que é «preocupante» que os datos de obesidade infantil en Galicia só estean superados polos de Estados Unidos e Reino Unido, no resto do mundo.

Explicou que en España empezan a organizarse intervencións para paliar ese problema, como os campamentos de verán para nenos obesos, «idea importada de Estados Unidos e China e semellante á de campamentos para diabéticos e outros enfermos».
Segundo González, unha das claves para actuar fronte á obesidade está en mentalizarnos de que é unha enfermidade, que incrementa o risco de padecer outras, todas elas graves.

Os socios e directivos da AGDN dedicarán, nos próximos días, varias horas a impartir conferencias por toda Galicia, para recordar que hai que tomar cinco comidas ao día , das que 3 deben ser principais e tres tipo «tentempié»; que hai que reducir os fritos e a inxesta de graxas e, que hai que comer de todo, pero en menos cantidade do que é habitual.

A dieta atlántica, igual que a mediterránea, segundo López, son sas e equilibradas, pero a primeira bótase a perder pola gran cantidade de comida que se vincula á tradición gastronómica galega, e a segunda deteriórase porque os establecementos costeiros mediterráneos incorporan pratos foráneos para adaptarse aos turistas estranxeiros.

Tamén consideraron un problema «que bordea a fraude» que as persoas que buscan axuda para equilibrar a súa inxesta «téñanse que pór en mans de biólogos, técnicos superiores e ata veterinarios, cando esa competencia é exclusiva dos médicos de Endocrinoloxía e Nutrición e dos diplomados en Dietética e Nutrición».

La Voz de Galicia.-

No hay comentarios: