Preto de 200 nenos participarán no V Campus Basket Lino López que patrocina o Concello.
Xoves, 19 de xuño de 2008
O edil de Deportes, Manuel Santiago, presentou a cita, que se desenvolverá do 23 de xuño ao 6 de xullo no colexio de San Xoán
O concelleiro de Deportes, Manuel Santiago, presentou esta semana no pazo municipal o V Campus Basket Lino López.
Unha actividade que terá lugar nas instalacións do Colexio de San Xoán do 23 de xuño ao 6 de xullo.
No acto, o edil estivo acompañado polos directores da actividade, Lino López e Roberto Rivera e polo xogador ferrolán, Lucho Fernández, que milita actualmente nas filas do TAU Cerámica, recente gañador da Liga ACB.
Cuestións laborais impediron a Ricardo Aldrey, outro dos responsables do evento, asistir á presentación ante os medios de comunicación. Así as cousas, Manuel Santiago explicou que a actividade se celebrará de dez da mañá a unha do mediodía e de catro a sete da tarde con servizo de comedor para aqueles nenos e nenas que o precisen.
Asemade, a organización decidiu establecer dúas quendas en función das idades. Así, os nenos nados entre 1997 e 2001, esto é aqueles con idades comprendidas entre os 7 e os 11 anos, participarán do 23 ao 28 de xuño.
Mentras, aqueloutros nados entre 1990 e 1996, é dicir, de 12 a 18 anos de idade, o farán do 1 ao 6 de xullo.
Precisamente estes últimos e como novidade con respeto a edicións anteriores, terán oportunidade de pernoctar nas instalacións do colexio público de San Xoán. Concretamente no campamento que se habilitará de xeito especial coas tendas de campaña cedidas polo Tercio Norte .
Asemade, Santiago destacou a alta participación rexistrada, xa que preto de 200 nenos e nenas teñen xa formalizada a súa inscrición a pesar de que o prazo aínda remata o vindeiro venres. Tamén lles desexou o mesmo éxito que acadaron en edicións anteriores e que os levou a converterse nun referente a nivel galego.
Pola súa banda, Lino López quixo agradecer en primeiro lugar a colaboración de tódolos patrocinadores, especialmente do Concello de Ferrol “sin o que sería imposible realizar esta actividade”.
Tamén do xogador ferrolán Lucho Fernández “un amigo ademáis dun grandísimo colaborador dende que comezamos esta aventura”.
Así mesmo, López subliñou que as inscricións, que rematarán o vindeiro venres día 20, poden realizarse ben no Padroado, ben nos propios centros escolares, ou on line a través da páxina www.campusbasketlinolopez.com.
Roberto Rivera recordou que o obxectivo do Campus Basket Lino López non é outro que o de fomentar a educación, a comunicación e a colaboración entre os rapaces e rapazas a través da práctica do baloncesto.
E por isto que inclúe un amplo abano de actividades complementarias como excursións ou a práctica doutras modalidades deportivas como o tiro con arco, o karate ou a escalada, entroutros. Tamén concursos de tiros libres, triples, 3x3, 1x1 e txo ball.
Así mesmo, apuntou que co fin de mellorar a técnica individual de cada participante e que estes lle poidan sacar o máximo rendemento do seu paso polo campus, os organizadores distribuirán aos nenos e nenas por grupos de niveis dentro de cada quenda .
Asemade, Rivera chamou a atención sobre outro dos atractivos da actividade: a participación de entrenadores e xogadores da LEB 2, LEB, LF2 e LF, así como da ACB.
E respecto do persoal co que contan, indicou que haberá unha media de 5 entrenadores e un monitor de tempo libre, aínda que a cifra final en cada quenda rondará as 10 persoas.
E, ao fío desto, explicou que a Asociación Probase, organizadora do Campus, ten a porta aberta a todas aquelas persoas que queiran sumarse á iniciativa.
Finalmente, Lucho Fernández resaltou o gran traballo que se fai con esta actividade “para que os nenos non perdan o amor polo baloncesto”.
E neste senso subliñou a recuperación do deporte na cidade grazas a iniciativas como esta.
Unha cidade que, como recordou, foi un referente a nivel nacional.
Padroado de Deportes
Concello de Ferrol
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

No hay comentarios:
Publicar un comentario