domingo, 18 de marzo de 2007

PISCINA DE SARTAÑA


COMUNICADO DE PRENSA

Construción dunha Piscina no bairro ferrolá de Ultramar

A Escola de Iniciación ao Deporte "INFERNIÑO", con CIF nº: G15950249, é unha entidade de carácter deportiva, criada en Ferrol e legalizada pola Xunta da Galiza a 29 de xullo de 2004.
A nosa entidade figura inscrita no Rexistro de Asociacións Deportivas da Xunta da Galiza co nº: C-08215, ao amparo da Consellaría da Família, Xuventude, Deporte e Voluntariado; e idem no rexistro de asociacións do Concello de Ferrol co número 318.
A Escola Deportiva Inferniño, na sua xunta directiva do día 31 de Xaneiro-05, acordou facer o seguinte comunicado perante a intención do Governo Municipal de Ferrol de construir unha "piscina" no bairro de Ultramar, concretamente na Praza de Sartaña.
Neste senso, queremos manifestar o seguinte:
1.- Estamos totalmente convencidos da necesidade dunha piscina na Zona do Ensanche B, mais esta ten de ser estándar (que non mini) e parte integrante dun grande complexo Deportivo que dé cobertura, como mínimo, ás necesidades dos bairros de Ultramar, Faxardo e o Bertón. Nisto coincidimos basicamente (e lembramo-lo, tamén) cos proxectos que a totalidade dos partidos da Corporación ferrolá incluian nos seus programas eleitorais.
O microproxecto que se nos presenta agora de micropiscina, é unha trapallada e unha burla á cidadania e as suas necesidades de instalacións deportivas en calidade e/para cantidade. Consideramos totalmente desafortunada a escolla do sitio, e moito máis ainda o proxecto e dimensións de tal iniciativa.
2.- Nesa zona da cidade hai mellores parcelas onde situar un Complexo Deportivo con maiúsculas (como sinalan non só os viciños/as afectados/as), que satisfaga verdadeiramente as demandas e necesidades da cidadania coa construción de infra-estruturas deportivas de calidade, con como mínimo duas piscinas como a da Malata, até podendo ser unha delas de dimensións Olímpicas, alén de pistas e outros espazos para a prática doutros deportes (lembremos as maquetas dos partidos do actual Governo municipal). Nesta idea suxerimos ao governo municipal visitar e informar-se sobre proxectos similares, como as piscinas do bairro dos Castros da viciña cidade herculina.
3.- O Governo Municipal de Ferrol ten de dar-se conta da importancia de os viciños e viciñas da nosa cidade poderen usufruir infra-estruturas deportivas adecuadas e operativas nos bairros e parroquias da cidade. As dotacións deportivas existentes (salvando as d’A Malata), encontran-se nun estado lamentábel. O Governo Municipal fará unha grande e acertadísima aposta pola calidade de Vida no Concello, polo incremento, reparación e manutención na cidade de Ferrol das infra-estruturas deportivas, sempre con critérios ambientalmente sustentábeis e de nulo impacto ecolóxico e social, xusto o que non acontece con este proxecto de micropiscina, coas suas caldeiras, sistemas de cloraxe e ventilación,... encaixonados entre vivendas.
4.- A cidade de Ferrol precisa urxentemente a nivel deportivo de proxectos macro e non micro. E o Governo de Ferrol ten na sua mao paliar este défice: a parcela do Bertón e a do Sánchez Aguilera están clamando a berros actuacións de macropolítica deportiva, de grande importáncia para a mellora da calidade de vida na nosa cidade. Con estes dous trunfos na mao, o xogo está do seu lado. Esperemos que xoguen, deportivamente, ben e racionalmente.
5.- Seria bon que o Governo de Ferrol xuntase nunha espécie de Mesa Sectorial a todas as entidades deportivas, aberta esta a outras entidades sociais, organismos e persoas que tivesen algo que dicer ou ver co deporte, para falar sobre políticas deportivas, actuacións e necesidades de carácter deportivo non só das asociacións deportivas, senón de toda a cidade. Desta Mesa han sair con certeza, ben claras e definidas, as ideas e demandas prioritárias do mundo deportivo da nosa cidade.
Agardando que isto sirva para algo, da Escola Deportiva Inferniño seremos un fiel defensor, aliado e compañeiro de todo aquel que se signifique na promoción e difusión do deporte e na mellora das condicións técnicas e materiais para a prática deportiva.

En Ferrol, Terra de Trasancos, a 31 de Xaneiro de 2005.

Pola Xunta Directiva da Escola Deportiva Inferniño, asinan

Alexandre Pérez Fdez , Secretario - / - Xosé M. Sanxoán Caamaño , Presidente

No hay comentarios: