domingo, 18 de marzo de 2007

ESTATUTOS

ESTATUTOS DA
Escola de
Iniciación ao Deporte

“INFERNIÑO”

CAPITULO I
NORMAS XERAIS :
Artigo 1º .- A Escola de Iniciación ao Deporte “INFERNIÑO” é unha Asociación privada con personalidade xurídica, capacidade de obrar e sen ánimo de lucro.
O seu obxecto exclusivo será o fomento e a práctica da actividade física e deportiva, xuntamente coa componente lúdica, de cooperación en equipa, alén doutros valores inerentes asociados á práctica deportiva como a solidariedade, a xenerosidade,... Entendemos o deporte como unha actividade moi beneficiosa para a saúde e o benestar das persoas, a nivel físico e psíquico, e portanto, debemos promover a práctica deportiva como un hábito saudábel per se, a realizar por persoas de todas as idades. Deste ponto de vista a práctica deportiva como competición é unha parte do exercício deportivo, mais non a esencia nen a finalidade exclusiva do mesmo.
Fúndase esta Escola Deportiva a 27 de Maio de 2004, en reunión de nais e pais no Salón de actos do Centro Cultural Municipal “Carvalho Calero” do barrio do Inferniño, en Ferrol, acordando principiar os trámites e estatutos desta Asociación Deportiva, coa denominación de Escola de Iniciación ao Deporte “INFERNIÑO”.
Artigo 2º .- A Escola de Iniciación ao Deporte “Inferniño”, terá como práctica deportiva variadas modalidades deportivas como son baloncesto, balonmán, patinaxe, judo, voleibol, hockey, atletismo, deportes náuticos, etc. e tamén a práctica de deportes e xogos tradicionais galegos como poden ser a chave, a billarda, os bilros, a rá, etc. Preténdese o coñecemento e primeiro contacto co deporte cos nenos e nenas desde os 4 anos. A partir da idade de 9 ou 10 anos estes novos e novas deportistas estarán preparados para participar e competir nas diferentes modalidades deportivas, previa inscrición no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galiza, de conformidade coa Lei Xeral do Deporte de Galiza.
A Xunta Directiva estabelece de princípio a creación das seguintes seccións: deportes e xogos tradicionais; deportes náuticos; atletismo; así como poderá acordar a creación de novas seccións para a prática dun deporte ou doutras modalidades deportivas, que se deberán adscribir ás correspondentes Federacións ou organismos que os representen.
Artigo 3º .- O domicilio Social da Escola de Iniciación ao Deporte “INFERNIÑO” fíxase no Centro Cultural Municipal “Carvalho Calero” na praza do Inferniño,s/nº, C.P. 15404, Ferrol.
Artigo 4º .- O ámbito de actuación da Escola Deportiva Inferniño é Ferrol e a sua área de influéncia (Terras de Trasancos, Bezoucos, Eume e Ortegal), sen que isto impida podermos participar en eventos fora desta zona, tanto na Galiza como polo resto da Europa.
Artigo 5º .- A Escola Deportiva Inferniño, colaborará amigabelmente nas súas finalidades con outras Asociacións deportivas e culturais de Ferrol e os seus arredores.
Artigo 6º .- O idioma propio da Escola Deportiva Inferniño é, para todos os efectos, o galego.

CAPITULO II
CLASES DE SOCIAS E SOCIOS , ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGACIÓNS
Artigo 7º .- O número de socios e socias será ilimitado. Os socios e as socias poderán ser das seguintes clases: de número, de honra, aspirantes e familiares.
Artigo 8º .- Son socios e socias de número todas as persoas maiores de idade que satisfagan a cota social estabelecida pola Asemblea Xeral.
Os menores de 18 anos, clasificaranse como socios e socias aspirantes, tendo dereito ao uso das instalacións sociais mediante a cota que se fixe e pasarán automaticamente a ser socios de número ao cumpriren a maioría de idade.
Serán socios e socias de honra aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral outorgue esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade.
Son socios e socias familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun socio ou socia de número e convivan con el no mesmo domicilio.
Artigo 9º . –

1.-Os socios e socias de número terán os seguintes dereitos:
a) Contribuír ao cumprimento dos fins específicos da Asociación.
b) Exixir que a Asociación se axuste ao disposto na normativa autonómica deportiva e o estabelecido nos presentes Estatutos.
c) Separarse libremente da asociación.
d) Coñecer as actividades da Asociación e examinar a súa documentación, previa petición razoada dirixida á Xunta Directiva.
e) Expor libremente as súas opinións no seo da Asociación.
f) Poder ser eleitor e elitora e tamén ser eleito ou eleita para os órganos de representación e governo da Asociación, sempre que teñan plena capacidade de obrar.
2.- Son obrigacións dos socios e socias de número:
a) Aboar as cotas que exixa a Asemblea Xeral.
b) Contribuír ao sostemento e difusión do deporte ou modalidades Deportivas.
c) Acatar cantas disposicións ditar a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou a Presidencia, para o bon governo da sociedade.

3.- Os socios e socias aspirantes terán dereito a aproveitar dos servizos e instalacións sociais da Asociación.
4.- Os familiares dos socios e socias de número terán dereito a aproveitar daqueles servizos e instalacións que se determinaren, previo pagamento da cota fixada.

Artigo 10º .- Para ser admitido como socio ou socia, en calquera das súas modalidades, será necesario ter a idade sinalada para cada unha delas.
Artigo 11º .- A condición de socio ou socia pérdese por vontade propia ou por falta de pagamento das cotas sociais, previo requirimento de tal pagamento.

CAPITULO III

ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOVERNO

Artigo 12º .- Son órganos de representación e governo da Escola Deportiva “Inferniño” :
O Presidente ou Presidenta, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 13º .-

1.- O Presidente ou Presidenta será eleito ou eleita pola Asemblea Xeral.
2.- A Xunta Directiva estará formada por un número de membros nen inferior a cinco nen superior a vinte, á fronte da cal estará un Presidente ou Presidenta, e da que fará parte un Secretario ou Secretaria; un Tesoureiro ou Tesoureira , alén do Vice-presidente ou Vice-Presidenta; e dun Vice-Secretario ou Vice-Secretaria.
3.- A Presidencia da Xunta Directiva e, no seu defecto, aqueles outros membros que determinaren os Estatutos terán a representación legal da Asociación, actuarán no seu nome e estarán obrigados a executar os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Eleitoral.

A Asociación Deportiva terá un regulamento propio sobre a Xunta Eleitoral.

4.- Corresponderalle á Xunta Directiva as seguintes atribucións:
a) Manter a orde e a disciplina na sociedade e nas competicións que se organizaren.
b) Convocar, por medio do seu Presidente, á Asemblea Xeral cando o estime necesario, e cumprir os seus acordos e decisións.
c) Sinalar as condicións e forma de admisión de novos sócios e socias e máis as cotas periódicas que se deban satisfacer na forma e condicións estabelecidas pola Asemblea Xeral.
d) Nomear as persoas que teñan que dirixir as distintas comisións que se crearen, e tamén organizar as actividades da Asociación.
e) Formular inventario e balanzo anual, e tamén redixir a memoria anual da sociedade e, en xeral, aplicar todas as medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e o desenvolvemento do deporte.

Artigo 14º .-

1.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorreren a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria abondará coa concorrencia de, polo menos, un terzo (1/3) dos seus membros e, en calquer caso, do Presidente ou Presidenta; ou do Vice-Presidente ou Vice-Presidenta.
2.- A Xunta Directiva será convocada polo seu Presidente ou Presidenta con dous días de antecedencia, como mínimo , á data da celebración. Tamén poderá ser convocada polo pedimento de tres ou máis dos seus membros.
Artigo 15º .- A Xunta Directiva ficará tamén validamente constituída cando estiveren presentes todos os seus membros, aínda que non houbese convocatoria previa.

Artigo 16º .-
1.- O Tesoureiro ou Tesoureira da Xunta Directiva será o depositario da Asociación, asinará xuntamente co Presidente ou Presidenta os recibos e autorizará os pagamentos, e levará os libros de contabilidade.
2.- Será obrigación do Tesoureiro ou Tesoureira formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, ou inicio das actividades, un balanzo da situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de todos e todas as persoas asociadas.

Artigo 17º .- O Secretario ou Secretaria da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redixirá cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e mais o libro de actas, libro de inventario de móbeis e inmóbeis, todos eles debidamente dilixenciados .
Artigo 18º .- A elección dos membros da Xunta Directiva efectuarase por un período de dous (2) anos, sendo elixidos por mitade cada ano o Presidente-a , vice- secretario-a e vogais impares . Os vogais pares, Vice-presidente , Secretario e Tesoureiro na seguinte quenda.
Artigo 19º .-
1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo de governo da Asociación e estará integrada por todos os seus socios e socias.
2.- As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorreren a ela, presentes ou representados, máis da metade das persoas asociadas. En segunda e última convocatoria, media hora máis tarde, ficará constituída calquer que sexa o número de membros presentes. Entre a data da convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terá que haber, como mínimo, dez días naturais, e non poderán transcorrer máis de vinte.

Artigo 20º .- A Asemblea Xeral será convocada pola Presidenta ou Presidente por iniciativa propia ou por pedimento da Xunta Directiva ou dun dez por cento, polo menos, das socias e socios.
1.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez no ano para tratar das seguintes cuestións:
a) Memoria, liquidación do orzamento, balanzo do exercicio, rendemento de contas e aprobación, se procede.
b) Orzamento para o exercicio seguinte.
c) Proxectos e propostas da Directiva .
d) Proposicións que formulen as socias ou os socios, que deberán ir asinadas polo menos por un cinco por cento dos mesmos.
e) Rogos e preguntas.
2.- Deberase celebrar Asemblea Xeral Extraordinaria para a modificación de Estatutos, eleición da Xunta Directiva e seus cargos, tomar diñeiro en empréstimo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial e alleamento de bens inmóbeis e mudanza nas cotas das socias e dos socios.

Artigo 21º .- Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

CAPITULO IV
REXIME DOCUMENTAL

Artigo 22º .- O rexime documental da Asociación constará dos seguintes libros: Rexistro de socias e de sócios, idem de actas e idem de Contabilidade.
Artigo 23º .- No libro de rexistro de socias e socios deberán constar os nomes e apelidos das socias e dos socios, domicilio, o seu NIF e, no seu caso, os cargos de representación, governo e administración que exerzan na Asociación. Tamén se especificarán as datas de altas e baixas, e tamén as da tomada de posesión e cesamento dos devanditos cargos.
Artigo 24º .- Nos libros de Actas consignaranse as xuntanzas que celebre a Asemblea Xeral e mais as da Xunta Directiva, con expresión da data e máis das persoas asistentes, dos asuntos tratados e máis dos acordos adoptados. As Actas serán asinadas, en calquer caso, pola Presidenta ou Presidente e a Secretaria ou Secretario.
Artigo 25º .- Nos libros de Contabilidade figurarán tanto o Patrimonio como os dereitos e obrigas, ingresos e gastos da Asociación. Deberase precisar a procedencia daqueles e o investimento ou destino destes.

REXIME DISCIPLINARIO

Artigo 26º .- Os órganos e as socias e socios da Asociación estarán sometidos ao regulamento disciplinario da Asociación e o disposto no Título VII da lei 11/1997 Xeral do Deporte de Galiza e normativa do seu desenvolvemento.
Artigo 27º .- Así mesmo a Presidenta ou Presidente e membros da Xunta Directiva responderán fronte ás socias e aos socios, á asociación ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia da asociación e do Ordenamento Xurídico vixente.

CAPITULO V
REXIME ECOMOMICO-FINANCEIRO E PATRIMONIAL

Artigo 28 .- A Asociación Escola de Iniciación ao Deporte Inferniño, someterase ao rexime do orzamento e patrimonio propio, coas seguintes limitacións:
a) Non poderá destinar os seus bens a fins industriais, comerciais, profesionais ou de servizo, nen exercer actividades de igual carácter a fin de repartir beneficios entre as persoas asociadas. Os seus ingresos aplicaranse integramente á conservación do seu obxecto social.
b) Poderá fomentar manifestacións de carácter físico-deportivo dirixidas ao público en xeral. Aplicará os beneficios obtidos ao desenvolvemento das actividades físicas e deportivas dos seus asociados.
c) A Asociación Deportiva Inferniño poderá gravar e allear bens inmóbeis, tomar diñeiro en empréstimo e emitir títulos transmisíbeis representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial sempre que cumpra cos seguintes requisitos:
1.- Que estas operacións sexan autorizadas pola maioría de dous terzos das socias ou socios presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria.
2.- Que os ditos actos non comprometan de forma irreversíbel o patrimonio da entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúe o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste feito poderase exixir, sempre que o solicite, como mínimo, o vintecinco por cento das persoas asociadas, o oportuno ditame económico-actuarial.
3.- Cando se trate de tomar diñeiro en empréstimo en contía superior ao cincuenta por cento do orzamento anual ou que represente unha porcentaxe igual ao valor do patrimonio, e máis nos supostos de emisión de títulos, requirirase informe da Federación e aprobación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza.
4.- Cando se trate de gravar ou alienar bens inmóbeis que foran financiados en todo ou parte, con Fundos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza.

CAPITULO VI
SECCIÓNS DEPORTIVAS

Artigo 29º .- Cando a Xunta Directiva acorde a práctica dunha modalidade deportiva, crearán a Sección correspondente, que deberá ser afiliada á Federación ou organismo que proceda.

Artigo 30º .- Cada sección deportiva ocuparase de todo o relativo á práctica da modalidade deportiva correspondente baixo a coordenación e superior dirección da Xunta Directiva.

CAPITULO VII

Artigo 31º .- Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorábel de dous terzos das socias e socios asistentes. A reforma destes Estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galiza, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.
Artigo 32º .- A Escola Deportiva de Iniciación ao Deporte “Inferniño”, extinguirase ou disolverase por acordo de:
a) dos dous terzos das socias e dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria , convocada ao efecto .
b) por sentenza xudicial .
c) por outras causas legalmente determinadas.
En todo o caso haberá de ser notificado ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galiza.
Artigo 33º .- Disolta a Asociación Deportiva “Inferniño” o remanente do seu patrimonio social, se houber, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente pola Secretaría Xeral para o Deporte.
Unha vez efectuada a liquidación, presentarase o xustificante de doazón no Rexistro de Asociacións correspondentes para proceder á disolución da Asociación Deportiva.
Artigo 34º .- Os cargos de Presidencia, Secretaría, Tesouraría e demais membros da Xunta Directiva non poderán ser remunerados, nen ter interese económico algún coa Asociación.

No hay comentarios: